A compravenda de vivenda caeu en Galicia un 9,5% en novembro de 2023 á vez que os prezos se disparaban un 30,9%
Son os datos rexistrados polo Centro de Información Estatística do Notariado, que destaca que foi o incremento máis alto de todas as comunidades autónomas
A compravenda de vivendas caeu en Galicia un 9,5% en novembro en relación ao mesmo mes do ano 2022, á vez que os prezos se disparaban un 30,9%, segundo recolle o Centro de Información Estatística do Notariado. Trátase do incremento máis elevado de todas as comunidades autónomas, que no seu conxunto rexistraron unha baixada media do custo do metro cadrado do 2%, segundo indican os notarios.
A caída do 9,5% na compravenda de vivendas prodúcese nun contexto de caída xeralizada en toda España. De feito, en novembro de 2023, esta situación afectou a 13 das 17 comunidades autónomas, cunha reducción media do 7,5%. No penúltimo mes do ano pasado, realizáronse 2.044 compravendas de vivendas en Galicia, distribuídas en 1.465 pisos e 579 vivendas unifamiliares.
Os pisos experimentaron subidas do 41,8% en Galicia
As compravendas de pisos diminuiron un 9,3% interanual, fronte a unha caída do 6,4% en España mentres que as unifamiliares baixaron un 10,1% en Galicia e un 10,9% no conxunto do Estado.
O prezo medio por metro cadrado en Galicia situouse en 1.235 euros, un incremento do 30,9% debido ao incremento experimentado polos pisos que, cunha subida do 41,8% se pagaron a un promedio de 1.726 euros por metro cadrado.
Ao contrario, o custo das vivendas unifamiliares baixou un 5,5% ata situarse en 624 euros por metro cadrado. Neste sentido, a caída media estatal nos dous tipos de vivenda foi do 2,1% e do 2,4%, respectivamente.
Os préstamos reducíronse un 15% interanual
Moi vencellada á evolución de compravendas e prezos, está a cifra dos préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda que tamén rexistrou unha baixada dun 15,5% interanual en Galicia e do 17,7% en España. En novembro de 2023 concedéronse en Galicia 978 préstamos hipotecarios cos que se financiaron o 41,5% das compravendas na comunidade autónoma. A contía media dos préstamos en Galicia situouse nos 107.022 euros, o cal representa unha baixada do 5,5% e supuxo de promedio o 71,8% do prezo do inmoble.