100 persoas desempregadas participarán no novo Programa Integrado de Emprego de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción 2026-2027
A formación a desenvolver durante o programa terá relación co sector da construción, unha industria con gran expansión e alta demanda de man de obra en Galicia e nas comarcas de Arteixo, Narón, Lugo e Santiago de Compostela.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de concederlle á Fundación Laboral de la Construcción a posta en marcha dun Programa Integrado de Emprego de Galicia, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e do Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE).
As actividades realizaranse nos Centros que a Fundación Laboral de la Construcción ten nos concellos de Arteixo, Narón, Lugo e Santiago de Compostela.
Concretamente, búscase incorporar persoas desempregadas dos seguintes colectivos:
- Menores de 30 anos desempregados/as: 40 prazas.
- Perceptores/as de prestacións: 20 prazas.
- Migrantes: 40 prazas.
A formación a desenvolver durante o programa estará baseada no Catálogo de Especialidades Formativas do SEPE e terá relación co sector da construción, unha industria de gran expansión e con alta demanda de persoas traballadoras en Galicia e nas comarcas de Arteixo, Narón, Lugo e Santiago de Compostela.
Formación para o emprego
As persoas participantes poderán acceder a accións formativas orientadas á mellora da súa empregabilidade e adaptadas ás necesidades detectadas no mercado laboral e nas empresas colaboradoras.
- Accións formativas relacionadas coa construción sostible, a rehabilitación e a eficiencia enerxética dos edificios.
- Formación en prevención de riscos laborais asociada aos distintos oficios da construción e aos contidos esixidos pola normativa e polos convenios colectivos do sector.
- Formación en medios auxiliares empregados habitualmente nas obras de construción, incluíndo traballos en altura, montaxe de estadas, manexo de plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP) e carretillas elevadoras.
- Outras accións formativas orientadas á adquisición, actualización e mellora das competencias profesionais demandadas polas empresas colaboradoras e adaptadas aos perfís das persoas participantes.
Bolsas e medidas de conciliación
Ademais cada participante terá á súa disposición un servizo de orientación laboral e realizaranse accións de prospección de emprego e intermediación con empresas.
Como apoio e favorecer a asistencia a accións, dispoñerase dunha bolsa de asistencia de 10€/día e medidas de conciliación:
- Flexibilidade horaria nas actuacións individuais.
- Adaptación das actuacións ás necesidades de conciliación das persoas participantes.
- Apoio á asistencia de persoas con menores ou dependentes ao seu cargo mediante servizos externos cando sexa necesario.
- Transporte colectivo para a asistencia ás accións do programa cando proceda.
Un 85% acadou os obxectivos de inserción na última edición
A finalidade deste tipo de programas é contribuír á dinamización do mercado laboral, implementando estratexias e accións conducentes a incrementar a empregabilidade e acadar a inserción laboral das persoas en busca activa de emprego. O obxectivo de inserción é do 45%.
Na última edición realizáronse máis de 712 horas de Formación do Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal non vinculada a certificados de profesionalidade e o 85% das persoas participantes acadaron os obxectivos de inserción laboral, segundo datos da entidade paritaria.
A presente convocatoria correspóndese coa Orde do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR332A). Consulta aquí a convocatoria.