A Fundación Laboral de la Construcción achegará a 13 centros educativos o programa 'Que non te líen, ti elixes' da Xunta de Galicia
A entidade paritaria colabora por sétima vez coa campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ofrecendo 33 charlas a favor de que as mulleres elixan a súa profesión sen deixarse limitar por estereotipos de xénero en sectores masculinizados como o da construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia participa un ano máis na campaña Que non te líen, ti elixes da Xunta de Galicia que ten como finalidade o fomento da presenza feminina en sectores masculinizados como o da construción. Será a sétima colaboración da entidade paritaria con este programa ofrecendo, esta vez, 33 charlas a alumnado de 13 centros de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO). Dende o inicio da campaña en 2023, a Fundación Laboral chegou a máis de 5.500 alumnos/as ao longo de 233 sesións en 75 institutos de toda Galicia.
Esta campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, busca "favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres."
As charlas de Fundación Laboral serán impartidas por persoal técnico da entidade paritaria en Galicia, e por mulleres profesionais que traballan no sector da construción que lle trasladarán as súas experiencias aos/ás rapaces/as.
Sesións divulgativas en 13 centros educativos de Galicia
As sesións, cunha hora de duración aproximada, celebraranse durante os meses de novembro e decembro en 13 centros educativos de Galicia: IES Brión (Brión, A Coruña); IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela, A Coruña); CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón, A Coruña); CPI de Viaño Pequeno (Trazo, A Coruña); CPR Plurilingüe Maria Assumpta (Noia, A Coruña); IES Camilo José Cela (Padrón, A Coruña); IES de Quiroga (Quiroga, Lugo); IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada, Lugo); IES A Xunqueira I (Pontevedra); IES O Carril (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra); IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar, Pontevedra); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda, Pontevedra) e IES de Cotobade (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra).
Sectores como a construción, a madeira, o mar, o metal ou as TIC son aos que vai dirixida esta campaña que pon o énfase na importancia de escoller o rumbo profesional en función das motivacións, das habilidades, das capacidades e da actitude de cada persoa, desbotando a crenza de que non poida haber mulleres en sectores tradicionalmente ocupados por homes.
Incorporación da muller á industria da construción
A construción necesita incorporar man de obra para cubrir a xubilación dos/as profesionais que se retiran cada ano. Aínda que a presenza de mulleres no sector aumentou en postos técnicos e administrativos, hoxe en día seguen sen integrarse nos oficios da construción, nun momento no que non hai cuestións obxectivas polas que as mulleres non poidan desenvolver a súa carreira profesional a pé de obra como carpinteiras, fontaneiras, electricistas ou pintoras.
Segundo o Informe de Mulleres 2025 do Observatorio Industrial da Construción, hai 8.072 mulleres traballando no sector en Galicia, que representan o 10,3% do total das persoas ocupadas da industria na comunidade e o 5,4% do total de mulleres empregadas en construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia está traballando en proxectos para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción, tanto dende o punto de vista do emprego como da orientación laboral.