A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia lanza ‘Construíndo en feminino’ para impulsar a incorporación de mulleres ao sector
Dirixido a mulleres desempregadas, de entre 18 e 29 anos que residan en Santiago de Compostela e arredores, o proxecto inclúe formación na entidade paritaria e emprego en empresas do sector da construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, en colaboración coa Fundación ”la Caixa”, lanza o proxecto ‘Construíndo en feminino’ co obxectivo de impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción.
‘Construíndo en feminino’ está dirixido a mulleres desempregadas que estean en risco de exclusión sociolaboral, de entre 18 e 29 anos, que residan en Santiago de Compostela ou nos municipios dos arredores e que estean interesadas en traballar no sector da construción.
Formación e emprego en empresas da industria
As participantes interesadas no proxecto poderán combinar traballo remunerado en empresas do sector, con formación a través dun Contrato Formativo durante 12 meses.
A formación impartirase no Centro de Santiago de Compostela da Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño), incluíndo a cualificación profesional en especialidades así como Prevención de Riscos Laborais.
Ademais, as participantes entrarán nun itinerario de acompañamento e adquisición de competencias para mellorar as súas habilidades persoais, dixitais e sociais na procura de emprego mentres descobren o sector da construción.
Só o 7,6% de mulleres ocupadas en Galicia no sector
Na actualidade, hai 5.514 mulleres traballando en construción en Galicia, que só representan o 7,6% do total dos ocupados do sector, segundo datos de 2021 recollidos polo Observatorio Industrial da Construción no seu informe sobre as mulleres no sector.
A presenza de mulleres no sector de Galicia reduciuse un -14,4% en 2020, unha situación preocupante dada a situación actual da construción, marcada pola falta de remuda xeracional e a escaseza de man de obra cualificada que necesita o sector.
A Fundación Laboral de la Construcción traballa para conseguir a igualdade de dereitos e oportunidades no sector, así como para erradicar a discriminación directa ou indirecta por razón de sexo entre persoas traballadoras. Por iso, a través do proxecto ‘Construíndo en feminino’, a entidade paritaria aposta pola formación como a principal ferramenta para a incorporación da muller ao sector.