A Fundación Laboral colabora na difusión da campaña 'Non te amoles' de prevención de riscos laborais nas amoladoras
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) presentou onte en Previsel esta iniciativa que inclúe un tríptico e un cartel que recollen os riscos e causas dos accidentes máis habituais así como medidas de precaución no uso desta maquinaria portátil
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) presentou onte no 15º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia, Previsel, a campaña Non te amoles dirixida á prevención de riscos nas amoladoras coa que a Fundación Laboral de la Construcción de Galicia colabora para darlle difusión entre as empresas do sector.
De acordo coa análise da estatística dos accidentes laborais, os traballos relativos a uso de amoladoras na industria, especialmente nos sectores do metal e na construción son unha das actividades con maior risco de accidente e que en moitos casos ten un resultado grave. Son frecuentes os cortes e amputacións debidos ao uso desta maquinaria portátil.
Difusión nos sectores do metal e da construción
Co obxectivo de diminuír esta sinistralidade laboral, a campaña Non te amoles inclúe a difusión entre as empresas e o persoal traballador de documentación técnica sobre a prevención de riscos no uso de amoladoras na industria, especialmente nos sectores do metal e da construción.
A campaña incide na seguridade no uso destas máquinas eléctricas portátiles empregadas como ferramentas de corte, esmerilado, lixado, cepillado, desbastado ou pulido no sector da industria (especialmente en actividades de carpintería metálica, reparación de vehículos a motor e remolques, reparación de maquinaria e equipos, fabricación e colocación de elementos metálicos, acabado e colocación de pedra, construción naval) e da construción (edificación e enxeñería civil).
A documentación inclúe un tríptico e un cartel que recollen os riscos máis habituais e as causas dos accidentes, medidas de precaución e aborda accións de sensibilización que se difundirán a través da páxina web do ISSGA, co envío a entidades do sector e centros de formación profesional e a través das redes sociais.
A distribución do material conta coa colaboración da Fundación Laboral da Construción, asociacións de empresarios da construción, Asime (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia), talleres de reparación de vehículos, asociacións de autónomos e as principais empresas destes sectores.
Consulta máis información sobre esta campaña na páxina web do ISSGA.