100 traballadores desempregados participarán no novo Programa Integrado de Emprego de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción
Os usuarios de Arteixo, Santiago e Vigo recibirán accións en materia de formación, orientación e intermediación e prospección de Emprego
A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de concederlle á Fundación Laboral de la Construcción a posta en marcha dun Programa Integrado de Emprego de Galicia, que conta co financiamento da Xunta de Galicia e do Servicio Público de Empleo Estatal.
A finalidade do programa é contribuír á dinamización do mercado laboral, implementando estratexias e accións conducentes a incrementar a empregabilidade e acadar a inserción laboral das persoas en procura activa de emprego dos concellos de Arteixo, Santiago e Vigo. O obxectivo de inserción é do 45%.
O programa está dirixido a: mozos menores de 30 anos con baixa cualificación e cualificados, para os que se reservarán 30 prazas e 10 prazas, respectivamente. Así mesmo, reservaranse 25 prazas para persoas paradas de longa duración; 20 prazas para perceptores de prestación de desemprego e 15 prazas para maiores de 45 anos.
Accións personalizadas en materia de formación e Emprego
Entre as accións que se desenvolverán atópase a elaboración dun plan de orientación. Ademais, realizaranse accións de prospección de emprego e de intermediación laboral.
En materia de formación, os participantes realizarán un Certificado de profesionalidade de máis de 300 horas e contarán con sesións de formación en competencias transversais.
Bolsas e medidas de conciliación
Os participantes neste programa disporán dunha bolsa de asistencia de 5€/día e de medidas de conciliación para favorecer a asistencia.
Na pasada edición do programa o 60% dos participantes conseguiron un traballo grazas ao proxecto. Así mesmo, levaronse a cabo máis de 300 horas de formación e máis de 300 accións individuais de asesoramento e orientación laboral.
As persoas interesadas en participar nesta nova edición poden contactar cos Centros da Fundación Laboral en Galicia (http://galicia.fundacionlaboral.org), a través do teléfono 981 983 546 ou no correo electrónico do plan: pie.galicia@fundacionlaboral.org.
A presente convocatoria correspóndese coa ORDE do 7 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Programas Integrados de Emprego de Galicia, e convócanse para o ano 2019. Ligazón á convocatoria.