A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia mellora a cualificación profesional de 873 persoas traballadoras da industria
A Directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado Lago, destacou “a implicación e compromiso da Fundación Laboral de la Construcción para procurar a transición na transformación do mercado laboral”
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia mellorou este ano a cualificación profesional de 873 persoas traballadoras da industria da construción. Así o deu a coñecer onte a entidade paritaria durante o acto de entrega de diplomas a 26 participantes dos cursos Modelado 3D de edificios utilizando tecnoloxías inmersivas e de realidade aumentada para a construción e Operacións de minicargadora-miniescavadora, que se inclúen entre os 70 cursos impartidos nos seus 6 Centros de Formación, dirixidos a adaptar a man de obra do sector ás novas necesidades do mercado laboral.
Estas 28 accións formativas da Fundación Laboral están financiadas pola Unión Europea-Next GenerationEU, e promovidas pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.
Manter viva a colaboración entre a Xunta e o sector
No acto, celebrado na Sede da Fundación Laboral en Santiago de Compostela, participou a Directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado Lago e Antía Guillén García, Subdirectora xeral de Promoción para o Emprego. A Directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación destacou “a implicación e compromiso da Fundación Laboral de la Construcción para procurar a transición na transformación do mercado laboral” e pediu “manter viva a colaboración entre a Xunta e o sector da construción para mellorar os recursos formativos”.
Pola súa parte, o xerente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción, Fernando García Novo, agradeceu a colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para mellorar “a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras do sector en formación tan actual e necesaria hoxe en día como a colocación de illamento en fachadas, modelado de BIM ou manexo de maquinaria”. García Novo tamén resaltou a implicación de empresas, así como de traballadores e traballadoras da industria que participaron nestas accións formativas “porque sabemos que hoxe en día é complicado atopar tempo para dedicar á cualificación profesional dada a súa grande carga de traballo”.