A Fundación Laboral de Galicia pon en valor os oficios da construción no evento pioneiro de interiorismo galego 'Creafogar'
A entidade paritaria expón varias pezas creadas por docentes e alumnado dos cursos de Soldadura, Albanelería e Electricidade e ofrecerá unha charla sobre Como atraer a mulleres e xente nova para os oficios da construción, dentro da programación do evento que se celebra nunha vivenda do casco histórico de Santiago renovada con deseño galego do 20 de setembro ao 9 de outubro.
Poñer en valor os oficios da construción é o celme da participación de Fundación Laboral de la Construcción de Galicia en Creafogar, un evento pioneiro de interiorismo galego que arranca en Santiago de Compostela o 20 de setembro. A entidade paritaria expón un cabeceiro de cama, dúas baldas, unha mesiña auxiliar e seis catenarias elaboradas por docentes e alumnado dos cursos de Soldadura, Albanelería e Electricidade nunha vivenda ubicada no casco histórico da capital galega (Rúa Nova, 24), renovada con deseño puramente galego e que estará aberta ao público do 20 de setembro ao 9 de outubro en horario de 11.00 a 21.00 horas.
As interioristas Almudena Rodríguez de Denadinteriores e Beatriz Barril de Spacio-b son as impulsoras de Creafogar, que definen como “espazo efémero con deseño galego”. Ao longo de 20 días, a vivenda tamén acollerá mesas redondas, talleres e presentacións, programación na que a Fundación Laboral participará cunha charla sobre Como atraer a mulleres e xente nova para os oficios da construción o 1 de outubro de 18:00 a 18:45 horas, que está aberta a inscricións na web de Creafogar.
Deseño das pezas de Fundación Laboral con materiais reutilizados
Impulsado polo Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Artesanía de Galicia, Axenda Urbana 2030, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o programa Woman Emprende, Creafogar exporá ao público as pezas creadas pola Fundación Laboral para o evento e que foron realizadas por docentes e alumnado dos cursos de Soldadura, Albanelería e Electricidade do Centro de Formación de Santiago.
David Pereira, docente da acción formativa de Soldadura oxigás e Soldadura MIG/MAG xunto aos seus alumnos David Silva, Andrés Domínguez e José Antonio Castro deseñaron, realizaron e pintaron a estrutura metálica do cabeceiro de cama, dúas baldas, unha mesiña auxiliar e seis catenarias, elaborados, na súa maioría, con materiais reutilizados. Ademais, os alumnos de Soldadura colaboraron con Álvaro Vázquez, ex alumno de Fundación Laboral en Santiago, na realización das bases metálicas para unha mesa de deseño creada para Creafogar.
A iluminación do cabeceiro con luz indirecta foi instalada por Marcos Bermúdez, docente da acción formativa de Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, e o seu alumnado: Dámaso Humberto Tesorero, Alexander Rafael Noriega, Carlos Enrique Luna, Adrián Blanco, Fernando Bello, Gael Garabal, José Manuel Brea, Pedro Julio Gandica, José Antonio Iglesias, Héctor Leonardo Esquivel, Alexander Milos Kovach e Sergio Moledo.
Do estucado de dúas planchas de madeira para a parte central do cabeceiro encargouse Tino Carou, docente do itinerario formativo de Rehabilitación Enerxética de Edificios e os seus/súas alumnos/as: Ibrahim Afquir, Armando José Corro, Hossam El Fahsi, Francisco Fernández, Roi Fuentes, Javier Gómez, Marlon Brandon Grijalba, Monzon Magassa, Manuel Montero, Jhon Eimar, Pablo Nuñez, Frank Osariemen, Cristian Rafael Salazar, Richard Scheloski e Manuel Ramón Sestayo. Todos/as eles/as son participantes do Programa Integrado de Emprego de Fundación Laboral de la Construción 2023-2024, financiado pola Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE).