A Fundación Laboral da Construción de Galicia participa nas III Xornadas 'Pontes entre Formación e Emprego' de Red Activa en Santiago
Luis Vázquez de Soto, Responsable de Seguridade e Saúde Laboral e Emprego do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción salientou a importancia de ligar a orientación laboral a unha formación continuada no tempo.
Representantes de máis de 100 empresas de Galicia asistiron ás mesas redondas que remataron cun caso de éxito de formación e emprego no sector da construción: o de Rafael Sabugueiro, que comezou formándose na Fundación Laboral de la Construcción e rematou creando a súa propia empresa

A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia participou onte nunha das mesas redondas celebradas no marco das III Xornadas Pontes entre Formación e Emprego, organizada pola asociación Red Activa na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e á que asistiron representantes de máis de 100 empresas de Galicia.
Luis Vázquez de Soto, Responsable de Seguridade e Saúde Laboral e Emprego do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción interviu na terceira mesa de debate Emprego e Formación, condenados a entenderse. Luis Vázquez salientou a importancia de ligar a orientación laboral a unha formación continuada no tempo. "É fundamental que as programacións anuais da Xunta para os certificados de profesionalidade sexan continuas e non dependan de convocatorias que ás veces hai e outras non para que o/a orientador/a planifique un itinerario profesional para esa persoa desempregada de acordo a unha demanda de emprego. Senón pódese perder a oportunidade de insertar laboralmente á persoa que inicia ese itinerario", explicou.
O Responsable de Seguridade e Saúde Laboral e Emprego do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción remarcou que no sector "é unha realidade que temos un problema social: non somos capaces de atraer man de obra nova para determinados oficios e profesións". Para solucionalo, indicou, dende a Fundación Laboral de la Construcción de Galicia están a desenvolverse proxectos para achegar o sector á xente nova con campañas como 'Seguridade e Saúde + Cerca da Escola' dirixidas aos centros educativos de primaria ou con iniciativas como CONSTRÚATE, que promove a incorporación de rapaces/as novos/as ás empresas do sector a través do contrato de formación en alternancia e que xa vai pola cuarta edición.
Rafael Sabugueiro, un caso de éxito no sector da construción
Ao remate da mesa de debate, presentouse un caso de éxito de formación e emprego no sector da construción: o de Rafael Sabugueiro. Segundo él mesmo contou, comezou formándose en 2002 na Fundación Laboral de la Construcción e entrou a traballar nunha empresa do sector. Entón, chegou a crise e quedou sen traballo. Foi entón cando decidiu crear a súa propia empresa de reformas, CRS Proyecta, coa que xa leva traballando máis de 15 anos e que conta con 7 traballadores. Agora, é él o que volve a contactar coa Fundación Laboral de la Construcción, esta vez, á procura de traballadores/as para a súa empresa, alimentando deste xeito novas pontes entre formación e emprego.
Intervencións de Covadonga Toca e José Luis Mira
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, moderou unha das mesas redondas sobre emprego. “Estamos a transformar a formación para o emprego, conferíndolle a importancia que ten para que o noso tecido empresarial poida contar cos traballadores que precisa”, destacou.
Na III xornada Pontes entre Formación e Emprego tamén participou o director xeral de Formación Profesional, José Luis Mira, quen moderou unha mesa redonda sobre as sinerxías entre o sistema educativo e o tecido produtivo. O director xeral de Formación Profesional destacou tamén o esforzo da Xunta de Galicia por deseñar unha oferta flexible e adaptada ás necesidades do sistema produtivo, polo que se está a potenciar de xeito especial a Formación Profesional Dual, que se desenvolve conxuntamente entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as empresas.