900 11 21 21

L-J 9:00 - 19:00
V 9:00 - 15:00

Centro de Santiago de Compostela (Coruña)

Descrición

Horario de Atención ao Público: 08:00 - 15:00 horas. 

 

A sede do Consello Territorial de Galicia trasladouse o 10/07/2017 ás novas instalacións: unha antiga Curtidoría, rehabilitada ao completo. A súa ubicación, no Concello de Santiago, permite dotar á cidade dun moderno centro especializado na área da Rehabilitación.

 

O Centro está situado na antiga curtiduría de Pontepedriña de Arriba (O Avío), ás beiras do Sarela. Trátase dunha antiga fábrica de curtidos que data do século XVIII e que conta cun terreo adxacente, que suma, xunto ao edificio, un total de 23.000 metros cadrados. As obras de rehabilitación conservaron a tipoloxía construtiva da zona, adaptando a fábrica de curtidos aos novos usos que ten como Centro de Formación. Este Centro é o primeiro en España adicado de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe laboral de persoas traballadoras e empresas da construción na área da rehabilitación. Cada ano, fórmanse neste Centro máis de 2.000 profesionais, entre eles, uns 300 en diferentes especialidades como a madeira, a cantería, a forxa ou o metal.  

 

Nestas instalacións atópase a Sede do Consello Territorial de Galicia, incluíndo: o Centro de Formación da área de Santiago e os departamentos de Formación, Seguridade e Saúde, Comunicación e Administración de Galicia. É aquí onde se planifica e coordina a formación impartida en toda Galicia e os servizos relacionados coa área de Seguridade e Saúde ou o Emprego. Os servizos en detalle do centro son:

  • Centro de Formación
  • Punto de Tramitación da TPC
  • Centro de Asesoramento en Materia de Prevención
  • Centro de Orientación Laboral
  • Axencia de Colocación

O emprazamento ten, ademais do citado valor arquitectónico, un gran valor etnográfico polo seu singular enclave e encanto da súa contorna. É un Centro pioneiro pola súa especialización en formación de rehabilitación, tanto de patrimonio histórico, como de edificación residencial actual, onde as persoas traballadoras da construción poderán cualificarse nas técnicas e nos materiais construtivos máis vangardistas.

 

Sobre unha parcela de 23.000 m2, o Centro conta cunha superficie construída de 4.700 m2, dos cales 2.900 m2 proceden da rehabilitación de edificacións existentes, e 1.800 m2, de edificacións de nova planta.

As instalacións distribúense de tres zonas principais: Edificio A, que corresponde á Zona Administrativa; Edificio B, de Aulas e Talleres (5 aulas e 4 talleres); e o Edificio C, de Aulas Técnicas (3 aulas taller, un taller, unha sala de conferencias e unha sala polivalente).

 

Estas instalacións están chamadas a ser un recurso estratéxico na loita contra o desemprego, e singularmente, na loita contra o desemprego xuvenil en Galicia. O obxectivo do Centro non é só formar traballadores/as cualificados/as, senón que, ademais, deberá estimular a algúns/algunhas deles/as para que asuman o reto de crear empresas, capaces de multiplicar a oferta de traballo ao servizo da recuperación do extraordinario patrimonio histórico de Santiago de Compostela e de Galicia. Polo Centro prevese que pasen cada ano máis de 2.000 profesionais para formarse, unha parte importante deles, en diferentes especialidades como a madeira, a cantería, a forxa ou o metal.